viernes, 9 de noviembre de 2012

A crise do Antigo Réxime

A CRISE DO ANTIGO RÉXIME E O LIBERALISMO

1. A CRISE DO ANTIGO RÉXIME
Chamamos Crise do Antigo Réxime ao conxunto de feitos que levaron ao término do sistema político, económico e social imperante en Europa durante a Idade Moderna. Esta crise produciuse polas seguintes causas:

-A burguesía desexaba acceder ao poder político
-A poboación medrou, pero a producción de alimentos non o fixo ao mesmo nivel, o que tivo como consecuencia grandes fames que estimularon as revolucións.
-A Ilustración propoñía a substitución da Monarquía Absoluta e a sociedade estamental por unha sociedade igualitaria e unha forma de goberno na que participaran os cidadáns.

A crise do Antigo Réxime esténdese desde 1750 ata 1850 e maniféstase a través dunha serie de revolucións políticas que poñen as bases do mundo contemporáneo.

REVOLUCIÓNS POLÍTICAS: A INDEPENDENCIA DE EE.UU. (1776)
O primeiro feito revolucionario é a independencia das trece colonias de América do Norte en 1776. Debeuse a que Inglaterra aumentou os impostos a estes territorios. Os colonos negáronse a pagalos e o 4 de xullo de 1776 proclamouse a Declaración de Independencia que seguía os principios da Ilustración. Tras sete anos de guerra, Gran Bretaña recoñeceu a independencia dos Estados Unidos, que aprobou unha Constitución en 1787 e adoptou como sistema de goberno a república federal.

3. REVOLUCIÓNS POLÍTICAS: A REVOLUCIÓN FRANCESA (1789)

As causas da Revolución Francesa foron as seguintes:
a) ECONÓMICAS
-Endebedamento por axudar a EE.UU. Na súa independencia.
-A subida dos prezos do pan debido ás malas colleitas.
-Os gastos que provocaba o altísimo nivel de vida que levaba o estamento dos privilexiados, exentos de pagar impostos.
b) SOCIAIS
-A negativa da nobreza a perder os seus privilexios (non pagar impostos) e a súa oposición ás reformas propostas polo rei Luís XVI.
-O desexo da burguesía de ter o poder político. Para iso empregou aos grupos populares como forza de choque para acadar o seu fin.
c)POLÍTICAS
-A Ilustración proporcionou os fundamentos teóricos para derrubar o Antigo Réxime e a Independencia de EE.UU. Amosou que era posible levalos á práctica.

A Revolución fíxose en varias fases:
1)Estados Xerais e Asemblea Nacional (1789)
O rei convocou Estados Xerais para conseguir a aprobación dos novos impostos. O terceiro estado abandoou os estados e constituíuse en Asemblea Nacional, mentres o pobo de París asaltaba a Bastilla. Ante este feito, o rei accedeu aos desexos do terceiro estado.
2) Asemblea Constituínte (1789-1791)
Formada por varios grupos políticos. Suprimíronse os privilexios feudais e redactouse a Declaración dos Dereitos do Home e o Cidadán cos principios de separación de poderes, o dereito á liberdade e á igualdade. Proclamouse unha Constitución que establecía que a soberanía residía na nación.
3) Primeira República francesa (1792-1795)
Comezan os ataques das distintas monarquías europeas contra Francia, por medo de que a onda revolucionaria se estenda ao resto do continente. En Francia a monarquía é abolida e proclámase a República. O rei é executado. Comeza entón o período denominado “O Terror”, liberado por Robespierre, que é botado do goberno mediante un golpe de Estado, a causa da súa política dictatorial e a grave situación económica.
4) O Directorio (1795-1799)
Ao goberno de Robespierre sucédelle a Convención termidoriana, que promulga unha nova Constitución. Foi un goberno moito máis moderado. Incapaces de frear os ataques do resto de Europa, a Convención é substituída polo Directorio. Napoleón Bonaparte, o militar responsable das victorias do exército francés, da un novo golpe de estado e faise co poder de Francia con outros dous cónsules.

Terminada a revolución, o Imperio Napoleónico comezou en 1804. Elaborouse un código civil que garantía as liberdades dos cidadáns. Durante esta etapa, Napoleón estendeu o seu Imperio por Europa, vencendo aos exércitos dos outros países en diversas guerras, ata que foi vencido por Gran Bretaña. Foi desterrado e a monarquía borbónica voltou ao poder.
A Revolución Francesa tivo varias consecuencias: conseguiu abolir o Antigo Réxime e facer que triunfaran os principios da Ilustración. Tamén supuxo o triunfo da soberanía popular, ao ser o goberno elixido por todos os cidadáns.

Tras a derrota de Napoleón, varios países europeos reuníronse no Congreso de Viena e asinaron un pacto chamado a Santa Alianza co fin de frear calquera movemento expansionista.

4. O LIBERALISMO E AS REVOLUCIÓNS LIBERAIS

No século XIX xorde unha forma de pensamento político chamado Liberalismo que tiña como obxectivo a liberdade do individuo e opoñíase ao absolutismo, rexeitaba a sociedade estamental e defendía a sociedade de clases, xa que o poder debía estar en mans dos que posuían a riqueza, é dicir, a burguesía. O liberalismo trouxo unha nova ondada de revolucións:

En 1821 Grecia rebelouse contra o Imperio turco e conseguiu a independencia en 1829.
En 1830 un novo proceso revolucionario destrona aos Borbóns e eleva ao trono a Luís Felipe de Orleans. Neste mesmo ano Bélxica acada a súa independencia de Holanda.
En 1848 xorde unha nova revolución en Francia instaura o sufraxio universal e a II República.